Biblioteca - Narrativa
Crego de Lebozán
Publicado en "O Quince" no 1993 por X.L. Barreiro Rivas, (Publicado anteriormente en Contos do Castromil).
 
I. Un labrego metido a crego

Don Xoán nacera no lugar de Marcenlos, parroquia de Codeseda e Arciprestazgo de Tabeirós, pero levaba moitos anos -xa case os esquecera- rexendo a fregresía de Lebozán, no Concello de Beariz, alí onde a Terra de Montes deixa de chamarse Forcarei. Era un crego pequeno, coa cara redonda, os beizos húmidos e carnosos, dispostos sempre para deitar un sorriso, e un nariz ancho, vermello de saúde. Levaba a boina con tanta donosía que semellaba ser unha parte do seu traxe talar. Tiña unhas mans de dedos curtos, fortes coma tenazas, que servían de testemuño a unha educación que fora labrega antes que teolóxica.

A primeira vez que eu falei con Don Xoán foi alá polo verán de 1973, na tardiña do día vinte de xuño. Ía cumprir o encargo de chamalo para un enterro, e atopeino na cima do prado do igrexario, á beira dunha presa de auga abundante e limpa, e deixándose acariñar polos raios de sol do serán que no dorso do Xeixo comenzaban xa a facerse desexar. Colgáballe do brazo, suliñando os nós no fondo negro da sotana, un caxato de buxo moi feitiño, e estaba salmodiando os rezos, valéndose dun fermoso Brevariun Romanum que lle regalara seu irmán cando cantara a primeira Misa, correspondente a edición de MDCCCXLII da "Typis Socienlatis Typographorum et Bibliopolarum", con cantos dourados que aínda brilaban -nas caderllas lixei- ramente descolocadas, e unha cruz gravada sobre da fina pelica negra das cubertas.

Don Xoán rezaba en alto, como facían os cregos de antes, e tiña o costume de ler as indicacións do rezo -escritas en tinta vermella- coa mesma devoción coa que invocaba ós santos do día. E por eso eu, agardando a que erguera a vista, aínda lle oín dicir: "Ad Vesperas, et ad Matutinunl Humnus": Coelestis Agni núptias, O Juliána, dum petis, Domun patérnam déseris, Chorumque ducis Virginum.

Era a festa de Santa Xiana de Falconeris, cando rematou o himno, Don Xoán trouxo coa man dereita a cinta púrpura que colgaba dos lombos do libro, e sinalou con ela entre as páxinas 828 e 829. E erguendo un pouquiño o libro na man esquerda, pechouno cun golpe sonoro -coma quen toca un instrumento- e cos dous ¡clics! das abrazadeiras metálicas, que soaron familiares nos meus oídos, afeitos a agardar, cando neno, aquel mesmo ruidiño que indicaba remate das misas que parecían interminables.

Ademais de rezar, Don Xoán estaba gardando o gando, seis ou sete vacas ben mantidas que tiñan fama de dar o mellor leite da comarca - o que deixaba máis tona e facía mellor as manteigadas-. A pouco que enfriaba, despois de muxilo, víanselle por enriba uns olliños marelos, que disque eran moi bos para facer as lambetadas das vodas e as chocolatadas da Primeira Comunión. "Non está aló moi ben a señora que me coida as vacas -dixo coma nun saúdo- e teño que facelo eu, porque estas cousas non poden esperar. Son traballiños que nos manda El Señor".

II. Outra xente para a historia

Aquela tarde de xuño era a primeira vez que vía ó crego de Lebozán, pero xa tiña oído falar del dende moito tempo atrás. Porque Don Xoán era irmán do señor Pepe, o mestre canteiro que mandaba a cuadrilla que fixo a casa de meu pai. Eu aínda o lembro camiñando ergueito por enriba dos perpiaños a máis de dez metros de altura e cun caldeiro de masa na man, mentres a señorita Elisa, que tiña que pasar polo camiño da súa casa, pechaba os ollos para -dicía ela- "non velo despanzurrar no camiño". Outras veces vénseme ó maxín berrando co pinche -Pepiño de Quintillán- para que lle fora á procura do "caneco" que el mesmo levaba na man, sen darlle tempo ó rapaz a indicarlle onde o tiña. Pero era un home bo e traballador, que murmuraba da xente con tanta delicadeza, e sempre con tan bo humor que os alcumes na súa boca parecían obras de arte.

Co señor Pepe formaban tamén cuadrilla outros catro homes. O señor Manuel, que sabía de números, era o que levaba as contas e facía os traballos de albanelería. Penso que era un home incapaz de concebir nada que non fora paralelo ou perpendicular. O señor Aurelio, que tiña nome de emperador romano, voz de barítono, cara de frade místico, e mans tan grandes e tan fortes que era capaz de mover el só pedras que quizais non acertaran a mover dous homes correntes. Medio entre canteiro e recadeiro, subindo pedras coa diferencial e ladrillos coa roldana, o señor Albino -o cuarto do grupo- tiraba da corda con tanta vehemeneia que un día deu co lombo na lama, e botou alí tirado un bo pedazo, ata que lle viñeron axudar, para que non lle romperan os ladrillos. Con eles traballaba ademais o devandito Pepiño de Quintillán, case un neno, que gustaba tanto de oír os contos dos maiores que sempre deixaba esgotar a masa das cubetas. A Pepiño gustáballe moito que o señor Pepe se enfadara porque as súas berras facíano rir a carón.

Aqueles homes traballaban de sol a sol, porque axustaban os choios sempre polo baixo, e despois tiñan que lle sacar os cartiños ó lombo. As veces levaban pedras grandísimas en roletes feitos de pino, e ían todos puxando con pincas, animándose cuns berros que parecían cancións de negros nas plantacións de Alabama. E a pedra non era moi grande dicía o señor Aurelio: "esta lévoa eu a anda meniño". E collía a pedra coma quen colle a un neno para ensiñarlle a andar, e ía mecéndoa a un ritmo crecente, ata que parecía que a pedra camiñaba soa. E mentres lle puxaba, o señor Aurelio falaba coas pedras coma se o entenderan, cousa que a min me parecía unha tontería aínda máis grande que oírlle a meu avó falar coas vacas para que tirasen mellor dos carros cargados coa herba da Lagoa.

Algunhas noites do inverno, despois de traballar todo o día coa chuvia e co frío, o señor Pepe collía o coche de liña das sete e media ata Soutelo, e dende alí camiñaba seis quilómetros deica Lebozán para ver a seu irmán, o crego. E despois de cear e cotelear un pouco, erguíase ás cinco da mañá para collar a liña de novo e chegar a Forcarei ás sete menos cuarto. Esperaba un pouquiño a que chegara a alba -como el dicía- e poñíase a traballar coas mesmas ganas que se estivera durmindo toda a noite. Pero no verán as cousas eran quizais peores, porque cando pasaba a liña para Soutelo aínda quedaban dúas horas de día, e entón o señor Pepe non viaxaba nela, porque estaba educado para traballar de sol a sol. E ás nove, cando oscurecía, collía un fardiño que sempre levaba con el, e botábase a andar os quince quilómetros deica Lebozán.

Ás veces miña nai trataba de convencelo:

-¿Oíu, señor Pepe, e a vostede valeralle a pena camiñar tanto e durmir tan pouco, para ver só un anaquiño ó seu irmán?. E el, despois de soltarlle unha risotada xa que enchía de ledicia as paredes, sempre respondía: -E ves muller, sempre podemos contar uns contiños ó pe do lume.

Esa era toda a explicación entre dous irmáns que se querían coma nenos: víanse só para contarse uns contiños a carón da lareira.

O señor Pepe comía touciño case tódolos días do ano. Touciño no caldo, touciño con patacas, touciño asado en torrezmos e untado. E ás veces, se lle apetecía algo de larpeirada, huliscaba no alzadeiro un anaquiño de touciño cru. Gustáballe moito que lle deran a carne moi cocida, case desfeita, seguramente para que perdese o sabor a touciño, e despois cortaba as talladas cunha navalla grande, que sempre levaba no peto, serrando coa cota en vez de facelo co gume -que mal corta a condenada-, e, mentres contaba os contos, paseaba o bocado na punta do garfo coma se fora a cabeza dun mouro derrotado.

Unha ou dúas veces ó ano o señor Pepe comía xamón, e entón sempre repartía: "a ver meniño ven para acá -dicía mentres me collía no colo- come xamón". E seguía falando e rindo mentres me ía metendo os taquiños na boca cun cuidado que só saben ter as mans dun bo canteiro.

Eu tiña daquela catro aniños, e pensaba que o señor Pepe era un mentireiro, porque aínda non sabía que os homes grandes tamén teñen irmáns. Para min un irmán era sempre outro rapaz, e por eso ata que fun grande eu tamén pensei que Don Xoán non era un home verdadeiro senón que era soamente unha fantasía, un irmán imaxinario do canteiro de Marcenlos.

III. Buscando o perdón de Deus

Bon, pois é o conto que Don Xoán foi o protagonista dun feito que trouxo inquedos -e quizais nalgún caso tamén molestos- a tódolos cregos e a moita xente da Tabla de Pardesoa. Un estraño suceso que cómpre deixar para a pequena historia das nosas causas.

Xa daquela, enterros e cabos de anos formaban parte principal da vida social das pequenas aldeas de Galicia, e eran unha moi boa oportunidade para poñer a roupa nova polo medio da semana, e deixar descansar un pouco o sacho e mais o lombo, mentres se sacaban, de paso, algunhas ánimas do purgatorio. As mulleres ían a igrexa cáseque sempre vestidas de negro, cun pano e un mantelo, e alí, mentres algúns cregos cantaban o "Dies irae", outros confesaban á parroquia e axeitaban as almas para que fixeran xogo cas corpos endomingados.

E velaquí que en toda a Tabla de Pardesoa sucedía que inda que houbera varios cregos nos confesonarios, non acudía ninguén a pedir o perdón de Deus se non estaba presente o párroco de Lebozán. Mais cando chegaba Don Xoán, que soía vir de vagariño no seu cabalo, formábanse dúas longas restes de xente, a ámbolos lados do seu confesonario, que agardaban turno pacientemente e abrigaban a retrasar de cotío o comezo da Misa.

-Hai que agardar deica que o crego de Lebozán acabe de despachar- dicía don Xosé, o párroco de Acibeiro-.

O pobre crego de Lebozán non daba feito mentres os seus colegas mtaban o tempo murmurando na sacristía, ou oíndolle contar chistes ó Gaiteiro de Soutelo, que colgara o instrumento e se adicaba entón a vender cadaleitos.

De primeiras, en tódolos sitios facíanlle mofas a Don Xoán, pero pouco a pouco empezoulles a molestar aqueta ostensible preferencia que todo o pobo cristián sentía por el. Ás voces Don Secundino, o párroco de Forcarei- que exercía de Arcipreste de Montes e era moi "diplomático", atrevíase a preguntarlle:

-¿Oes Xoán, ti sabes por que a xente che ten tanta devoción e quera confesar soamente contigo?

-Pois non che sei -dicía Don Xoán- porque eu limítome a facerlles o exame de conciencia e a darlles os meus consellos seguindo as leis de Nuestro Señor.

Ninguén acertaba a coñecer o segredo daquela conducta, porque as mulleras non o revelaban, e Don Xoán non o sabía.

-Ese si que é un segredo de confesión, dicía o crego de Acibeiro.

Era certo que Don Xoán adoitaba dicir que levaba máis de trinta anos oíndo á xente en confesión, e que aínda non escoitara endexa mais un pecado de verdade. Daba consellos liviáns, e non había alma que se achegara, por moi negra que viñera, que el non branqueara e deixara nova do trinque con "tres avemarías". Pero aquelo non explicaba nada, porque, a dicir verdade, os cregos daquelas aldeas sabían moito da vida, e facían todos a confesión do mesmo xeito: "tres avemarías" se eran os pecadiños de sempre, e engadíanlle un "Gloria Patri" se a cousa parecía máis grave. O único crego que daquela nos obrigaba a rezar coma toliños, alómenos ós rapaces, era Don Bernardino, o párroco de Dúas Igrexas. E non porque fora revirado, que non o era, senón porque era moi tatexo, e cando falaba no confesonario non se lle entendía nada. E como os nenos non nos atreviamos a preguntarlle que dixera, para que nolo repetira, faciamos nós a ollo os cálculos da penitencia, botándolle sempre un pouco por enriba -non sexa o demo-. E despois comentabámolo entre nós para comparar:

-¿Oes -preguntábache Basilio- que lle contaches a Don Bernardino?

-Pois conteille que desobedecera tres veces, e que lle chamei un ó timbre do señor Serafín e despois me agachei entre o millo para que non me vira, e que lle roubei tres mazás a Don Secundino, e que pelexei vintetrés veces con meu irmán -sempre eran as mesmas parvadas-.

-¿E que lle rezaches?

-Pois..., sete avemarías, tres padrenuestros e un bendita sea tu pureza.

-¡Ai, machiño, ti verás, pero eu receille o mesmo, e sen tocarlle no timbre ó señor Serafín, e roubando soamente dúas mazás, que a min xa sabes que non me gustan".

E entón viñanche os escrúpulos, e volvías a entrar unha ou varias veces na igrexa, a rezar outras poucas cousas, ata ter o convencemento de que rezara máis do que Don Bernardino dixera, sen que o seu falar tatexo nos permitira entendelo. E tal era o medo que tiñamos a quedarnos curtos que "Juanito" chegou un día a cinco padrenuestros -el saberá por que-". Coido que era o récord penitencial.

Daquela eu durmía na mesma cama co meu irmán, e pelexabamos tódalas noites denantes de durmir. Pero ás veces eu quedábame calado e non dicía nada ata que Manolo, preocupado, preguntaba:

-¿Que pasa?

-Ouh, nada, nada...; estoulle botando outro credo e un Señor mío Xesucristo á penitencia de Don Bernardino, que máis vale que sobre ca que falte.

E entón pasábamos alí os dous dez minutos, coa cabeza debaixo das mantas, dándolle ós rezos para ter máis posibilidades de acertar, coma quen compra as rifas dunha lotería de indulxencias sorteada polo crego de Dúas Igrexas.

IV. As filloas do Antroido

Don Xoán, o crego de Lebozán, era un home bo e respetado. Aínda conservaba formas de labrego forzudo, pero tiña moito creto, e foi o único capaz de convencer ó señor Pepe de que o seu fillo non era un cochino. O fillo do señor Pepe era estudiante de medicina na Universidade de Santiago, e representaba para seu pai un grande orgullo. E non era para menos, porque aquel canteiro, talador e cheo de vitalidade, xa lle dera a carreira de crego a seu irmán, e estaba a punto de facer tamén -co punteiro e a maceta- un doutor en Compostela. Pero foi o conto que un día polo Antroido, lle viñero o fillo á casa para celebralo en familia. E pasadas as festas, quizais para que a entrada da coresma se lle fixera máis levadeira, a nai deulle un pratiño de filloas para que as levase para a pensión e invitase ós compañeiros.

-É un cochino- repetía o señor Pepe- meteu as filloas na maleta á beiriña mesmo dos ósos dun esqueleto. Polo que el dicía debía de levar un maxilar, un fémur e unha clavícula "É un cochino, Manuel, -dicíalle a mear pai- porque levou as filloas cos ósos do defunto e despois comeunos". Todos lle insistían en que os ósos xa estaban ben zugados e limpos, e que estiveran moito tempo no formol. Pero ó señor Pepe non llo cocía o corpo:

-Limpos estarán, pero son dun esqueleto.

Ata que un día, despois de ir a Lebozán, e mentres trataba de encontrarlles as frebas a un óso de soá que lle coceran no caldo, comentoulle a miña nai cheo de satisfacción- e seguramente inspirado pola escasez de carne que sentía no prato:

-Un esqueleto limpo non é máis que calcio, coma o desas pastillas que toman os teus nenos.

Hai pouco tempo, mentres escoitaba música de Vilatuxe no Adro de Forcarei, acercouse a saudarme un señor que se identificou como o Doutor Míguez. Era un médico afincado en Panamá e, polo que souben despois con moito prestixio persoal e científico. Viña acompañado da súa filla, unha fermosa moza que xa exercía de médico tamén, e que estaba coñecendo en Galicia a terra e as obras dos seus avós. E o pouco de falar decateime de que era o das filloas, o fillo do señor Pepe, que xa lle fora ensinar á rapaza a casa de meu pai, para que vira unha obra feita por seu avó.

V. Segredo de confesión

Don Xoán morreu non hai aínda moito tempo e foise ó outro mundo sen aclarar de verdade como aplicaba no confesonario aquelo que el chamaba "as leis de Nuestro Señor". E quizais nunca se houbera sabido o segredo daquela teoloxía se non fora por unha simple coincidencía. Porque resultou que un día me encontraba eu na parada do Castromil, para ir a Vigo, chegaron dúas veciñas de Vilapouca que eu coñecía e que acababan de baixar do Auto Industrial. Denantes de preguntarme a onde ía eu, dixéronme que elas ían tamén "para aló". E foi a cousa que aquelas dúas mulleres foron as que me deron a noticia de que, dous días antes, soterraran a Don Xoán de Lebozán, que -ó seu dicir- agora está mellor alá".

Subimos pois ó coche, e fun oíndo no asento de diante o que falaban detrás. Alí descubrín o segredo -tan sinxelo como sobrecolledor- das confesións de Don Xoán: "era o único que non nos berraba por botarlle auga ó leíte "do caldeiro", -na miña terra chámase o leite caldeiro" ó que non se consome na casa e se vende para a industria-.

Pero eu non quedei tranquilo. Porque por unha banda a razón que aquelas mulleres daban da súa devoción por Don Xoán me parecia suficiente e oportuna, pero por outra abría para min unha dúbida de teoloxía moral moi difícil de salvar: ¿como podía aplicar Don Xoán as leis de Nuestro Señor dándolle á xente aqueles consellos?

Matinei moito na procura dunha solución, sen dar con ela. Ata que un día que me encontraba en Forcarei, hai soamente catro anos, decidín ir pasar unhas horas a Vilar, á casa de Avelino Senra, a quen lle gardo quizais os me-llores agradecementos da miña vida. El non se encontraba na casa, pero estaba alí súa nai, a señora Pura, que ten ben gañado o ceo anque soamente sexa polas veces que aguantou na súa casa da rúa de Montesquinza, en Madrid, a tódolos estudiantes da Terra de Montes que, aínda nos tempos de Franco, arranxabámo-lo mundo os sábados pola tarde, empezando con voz mainiña e rematando sempre a berros.

A casa de Avelino facía patio de luces co Ministerio da Gobernación, e ás veces, cando xa os ánimos estaban moi exaltados, viña a señora Pura con outro café, e despois de servilo non marchaba.

-¿Queres algo, mamá?- preguntáballe Avelino. -Que faledes máis baixo -dicía a señora Pura- que vos vai escoitar o Ministro. Eu falaba coa señora Pura coa mesma confianza que con miña nai, e quedei aquela tarde con ela, agardando que voltasen os fillos de comer o pulpo na feira de Soutelo. E entre conversa e conversa saíu a conto, non me lembro por que, o crego de Lebozán.

-Señora Pura -pregunteille- e voste de confesouse algunha vez con Don xoán de Lebozán?.

-Ai, meu fillo, aquí pola zona de Soutelo, e mentres fomos pobres, todas nos confesabamos con el.

Aquela afirmación soamente servía para espertar mais a miña curiosidade pola ciencia moral do párroco xa desaparecido.

-¿E é certo -volvín a preguntar- que el lles dicía que non era pecado botarlle auga ó leite?

-Non, non, Don Xoán non dicía eso, que era un home moi santo. El soamente confesaba aplicando as leis de Nuestro Señor.

A historia é tan corta como a conto, e quizais soamente unha persoa como era a señora Pura, chea dunha finísima cultura da aldea, podía valerse para transmitirme o pensamento moral do crego, cos matices e a precisión con que fixo. Mais cumprirá convir en que nin para ela sería posible, se non escoitara tantas veces os consellos daquel home de Deus. E eu agora seino tamén porque lle oín a ela narrar a súa confesión, en estilo directo, coas verbas exactas que gusto reproducir:

-Mire, don Xoán, eu por cada catro litros de leite que teño para vender, engádolle un de auga.

-Bueno, miña filla, ¿e ti e mais os teus fillos tomadas o leite só ou con auga?

-Non, non.. ., nós tomámolo con auga, que inda así non se da feito para mandalos ó instituto e para levalos algo vestidos.

-Pois mira -dicía don Xoán-, os Dez Mandamentos da leí de El Señor encérranse en dous: Amarás a Deus sobre tódalas cousas e ó próximo coma a ti mesma. Así que non esquezas esto: cando os teus fillos tomen o leite sen auga, véndeo sen auga tamén.

E despois de aplicar as leis de Nuestro Señor, don Xoan remataba sempre: "e reza tres avemarías".

A súa penitencia era coma un saúdo.

Clube de Amigos de BEARIZ

¿ Esqueceu a súa clave ?
Inscríbete Aquí no clube de amigos
Descubre a maxia - Roteiros de Beariz. NOVO!!


© 2007.Beariz.org .Tódolos dereitos reservados
Condicions Legais

Cofinanciado por: