| Biblioteca - Artículos |
| As Nosas Xentes (I) |
||||||
| Publicado en "O Quince" no 1994 por Javier Ramos Varela. | ||||||
|
A primeira vez que oín algunha das historias que se contan do señor Magín sentinrne realmente impresionado e sorprendido. ¿Quen sería ese home?, pregunteime. Non podía ser certo todo iso que contaban del xa que parecía como sacado de calquera película ou como unha invención da xente. Nembargante e mira como son as cousas, pouco tempo despois escoitei de boca duns veciños outra vez eses mesmos feitos tan curiosos e un montón de anécdotas máis que xiraron en torno ó que foi a vida do Sr. Xosé Magín Ogando Ramos, "O Magín".
O Sr. Magín nacera alá por fins do século pasado no lugar de Doade, fillo de Benito Ogando e de María Ramos Morgade. Como case tódolos rapaces daquela época foi moi pouco tempo á escola e tivo que traballar duro dende pequeno. Sendo aínda moi novo foi aprendendo o oficio de canteiro, traballando primeiro aquí pola zona de Beariz e da Terra de Montes, onde aínda abundaban daquela bons mestres canteiros, e logo unha vez que o rapaz demostrou ter moi boas cualidades para traballá-la pedra, xa foi facendo traballos a lugares cada vez mais diversos. Saíalle traballo por onde fora. Estivo traballando en varios lugares de España, dos que podemos destacar Canfrán na provincia de Huesca, onde levou a cabo unha intensa e importante labor como canteiro, e mesmo estivo traballando tamén en Francia. Por eses nos casou con María Cañizo Rivas, tamén de Doade, da que tivo tres fillos: Isolina, Benito e Benita Ogando Cañizo, quen aínda vive en Doade e a quen teño que agradecer toda a súa colaboración para a realización deste artigo. Sempre considerei ó Sr. Magín como a unha persoa especial, interesante e auténtica. Non só o seu traballo de canteiro era propio dun fóra de serie, senón que tamén a súa personalidade e o seu carácter independente e rebelde contribuiron se cabe a facelo máis famoso entre os veciños e amigos. Nunca lle gustou dar o brazo a torcer, el non precisaba xefe, tiña a súa propia lei e non había Garda Civil que o sacase dela. Por darlle a razón non lla daba nin a sua sogra como cando un día de inverno lle decía: -"Miña sogra, dígolle que eu son capaz de levantar este saco de sal cos dentes". -"Non es non", respondeulle ela. -"Quere apostar a Pisca a que son capaz?, pois aposte e xa verá". -"Pois xa está", díxolle a sogra pensando que non iba a ser posible xa que o saco aínda era ben pesado. E así foi como "O Magín" lle ganou a Pisca que era unha vaca moi xeitosa a súa sogra ¡Así e todo, quedaba na familia!.
Doutra vez traballando nunha obra por España adiante, estaba a facer as aristas dunha pedra ornamental e dando os últimos retoques, canda se lle acercou o capataz e lle falou dunha forma bastante brusca e imperativa: -"Magín, guárdeme bien esas aristas". Parece que non lle gustou moito o que lle dixera o capataz e o que fixo foi romper toda a pedra a golpe de maceta e metelas aristas no bolsillo. Cando o capataz voltou por alí para supervisa-lo traballo levouse unha grande desilusión ó ver aquel montón de escombros onde había pouco había unha pedra xa case rematada e sen poder aguantar co enfado que tiña dirixeuse desta maneira ó noso amigo que se atopaba sentado botando un cigarriño: -"Pero que es lo que tu has hecho; ya veo que quieres perder tu empleo, pues allá tú". Ó que o señor Magín respostou con tranquilidade e mirando fixamente ó capataz. -"Non me dixo que gardara ben as aristas, pois aquí as ten". Mentres, metía a man no bolsillo e mostráballe os cachos da pedra. A pesar de todo non foi despedido do seu traballo, sobre todo porque tan só media hora despois, o que significaba un tempo record, xa tiña a peza rematada e iso empezando de cero cunha nova pedra. Era demasiado bo para que a empresa o poidera botar, a pesar de que o noso protagonista aínda lle dixo ó capataz: -"Bueno, agora se quere fágame a conta". Pero deixando xa estas anécdotas das que poderíamos estar moito máis tempo falando, e para voltar ó que foi mais ou menos a realidade da súa vida decir que despois de casado marchou para México, onde traballou nesa maravillosa construcción que é o Palacio de Bellas Artes, do que non imos falar aquí, pero que sen dúbida nos serve para confirmar que o home do que estamos a falar sabía facer ben o seu traballo. Voltou de México aproximadamente alá polo ano 1925, pero pouco tardou en embarcar de novo, esta vez para o Brasil e para continuar co seu traballo de canteiro. Atrás quedaban, a súa muller, os seus fillos aínda pequeños e o seu Doade. Naqueles tempos a necesidade de gañar os cartos, como sabemos, fixo que moita xente tivera que emigrar, e así tamén marchou o Sr. Magín pensando en gañar unha peseta e en voltar outra vez xunto coas súas xentes. O que seguramente non sabía é que esa sería a derradeira vez que pisaría estas terras e que vería a súa muller e os seus fillos. Cando a súa filla Benita era unha moza de vinte anos recibiu unha carta de seu pai onde lle decía que se marchara para o Brasil xunto con el, que alí non había a pobreza que había aquí; pero claro, á Benita non a quería deixar marchar súa na.
Era a única filla que lle quedaba pois súa irmá Isolina xa morrera de moza no ano 1918, "o ano da moda" no que tantas persoas morreran a causa da epidemia da gripe. "O Magín" pasou a maior parte da súa vida en Jacarezinho, no sur do Estado de Minas Gerais (Brasil), pero de como lle foi por alá sabemos moi pouco, aínda que houbo xente que conta e fala de habelo visto varias veces. Dezanove anos máis tarde, en 1955, Benita súa filla, consiguen marchar 0 Brasil para ir ver a seu pai, de acordo coa vontade do seu marido Amador Pérez Domínguez que se atopaba alá dende había dous anos. Tódolos esforzos foron inútiles. Benita estivo no Brasil ata o ano 1973, pero nunca conseguiu atopar a seu pai a pesar de que puxo un anuncio na Radio Nacional do Brasil, e tamén en varios periódicos. A cousa estaba difícil; no consulado tampouco sabían nada. Segundo se soubo por outras persoas que estaban daquela no Brasil, "O Magín" morreu máis ou menos polo ano 1970, xa que a partir desa data ninguén o voltou a ver nin houbo novas del. E aquí chega o final desta historia a historia dun home que co seu traballo e co seu valor contribuiu enormemente a resaltar o nome deste Concello máis aló das nosas fronteiras. E xa para rematar decir, que con este artigo gustaríame dunha maneira e dun xeito moi humilde render unha pequena homenaxe a este grande artista que foi "O Magín", que Deus teña no ceo, e tamén e de forma máis xeral, a tódolos nosos emigrantes que tiveron que marchar, con todo o que tiñan debaixo do brazo, en busca dun futuro cando menos incerto, e que co seu traballo e co seu esforzó axudaron notablemente á mellora do nivel de vida das nosas xentes. |

© 2007.Beariz.org .Todos los derechos reservados Condiciones Legales |
Cofinanciado por:
|