Biblioteca - Artículos
As fontes da parroquia de Beariz
Publicado en "O Quince" no 1993 por Xesús Antonio Gulías Lamas
 
¡Que auga boa temos nesta terra!. ¡Hai cantos de fontes! Unhas agurgullan todo o ano e outras só deitan no inverno. A mediados do outono parece que se rompen as veas da terra e sae a auga dos mais insospeitados lugares.

As fontes de Beariz, igual cás súas persoas teñen os seus nomes, os seus contos, as súas lendas e tamén a súa historia, aínda que ninguén se adicara a escribila.

Voume referir a algunhas das máis coñecidas da parroquia, sobre todo ás que tiveron ou teñen maior sona, e algunhas delas ata litixios e peterrías. A fonte pública máis coñecida ata mediados dos anos cincuenta, en que a "privatizou", por decilo de algún xeito, o cura D. Francisco, coa aprobación do arcebispado de

Santiago, é a chamada "Fonte do Cura". Esta fonte nace no diestro parroquial, case ó pé da rectoral. Os veciños do Candedo e da Forxa ían buscar auga tódolos días a esta fonte. Daquela a cerca do Cura estaba sen cancela, como está na actualidade, e había un muro e un purteiro ou abantadeiro e seguido un carreiro por onde se chegaba á fonte. Nunca, ata esa data se polemizara nin o máis mínimo sobor do dereito de uso desta auga. Foi D. Francisco, o que escribiu co seu feito unha páxina triste e lamentable, na historia desta fonte, que escoitou durante centos de anos, contos de mulleras e dos homes que ían á auga con baldos e caldeiros. D. Francisco sacoulle a fonte ó pobo, pero o pobo pagoulle coa mesma moeda. Perdeulle o cariño e o respeto que sempre tiveron tódolos cregos en Beariz. Tanto foi así que se marchou abandonado de todos, con cantos burlescos e estoiros de foguetes. Así morreu para a xente de Beariz esta fonte, que aínda hoxe deita unha auga preciosa.

Fonte de Brais

Fóra da cerca do cura, pero nacendo dentro, xustamente debaixo do hórreo, agurgullaba outra fonte, que deitaba pouco, cara ó camiño. Saía a ras do chan e tiña unha lousa grande ó xeito de porta, furada no fondo cun buraco redondo de mais de dous palmos de diámetro, por onde as vacas metían o fuciño para beber. Esta fonte cando se fixo a primeira acometida de auga a Beariz, a comenzos da década dos setenta, quedou asulagada e perdeuse.

Hai no Candedo, tamén unha fonte que lle chaman "a Fonte das Vacas". Díselle así, porque ó nacer fonda, non permite ponerlle unha carrola para que deitara para o balde ou para un caldeiro, senón que se contén nunha especie de pía onde as vacas poden abrevar. A auga desta fonte nunca se usou para facer o caldo. A súa auga é só para os animáis.

Na Forxa, onde está na actualidade un pequeno xardín e a "Fonte da Saúde", nacía no fondo de todo, antes de levantar o muro e facer a pista do cuartel, unha fonte que se chamaba a "Fonte Da Nugalla". Era unha fonte que deitaba moi pouco e aburríanse nela as vacas para fartarse. A actual "Fonte da Saúde", recibe a auga canalizada dunha fonte que nace en Tras da Cerca, e anteriormente estaba situada no calexón que vai dende a Avenida de Merelles ó camiño vello.

Outra fonte que marcou os pasos durante moitos anos das mulleras de Beariz e das do Fondo da Forxa é a "Fonte de Brais", fonte, que segundo din, era dun tal Brais, antes de ser a finca de Merelles, aínda que sempre estivo fóra. Achégase un a ela por medio dun carreiro con escaleiras, feitas na mesma cantería. A fonte doita case ó pé do río da Ponte da pedra, e ten a auga tan fría que moita xente lle ten medo no verán porque pensa que con ela pode coller unha afonía ou un catarro, aínda que o medo é infundado.

A xente da cima de Beariz ía buscar a auga á "Fonte da Picota". Ir buscar auga a esta fonte era para as mulleras un traballo agradable. E das poucas fontes onde o peso da auga se leva ó llano ou cara baixo. No tempo de verán xuntábanse as veciñas para ir carrexar auga para facer a cea e lavar os potes.

Sexa certo ou non, aí está a xente e tamén a fonte. E unha auga batida e rebelde que se ven escachando por entre pedras de pizarra.

Ian con aqueles baldes de madeira con aros de cobre, que cando os bruñían, relucían ó sol coma lóstregos. E viñan mainiñamente con eles na cabeza, con aquel equilibrio, con aquela sinxeleza, con aquela sensación de vir flotando no aire, coma se non pesaran, parolando, mentras ían virando cara ós lados, coma os xigantes cabezudos nas festas das vilas.

No Val do Chau hai unha fonte case milagreira. Chámanlle a "Fonte de Nuestra Señora". Nace nunha pequena pendente e corre mainiñamente entre os coios de xeixo. Somente ten auga dende mediados de outono ata comenzos de verán, que chega a estiñar completamente. E unha auga media morna, dunha suavidade extraordinaria, que ó bebela, un sente non só que apagou a sede, senón tamén o ben-estar que deixa a suavidade coa que se desliza pola gorxa. Hai unha lenda que di que nese lugar se lle apareceu Nosa Señora a unha mulleriña, e onde a Virxe puxo os pés, agurgullou a fonte.

Pero hai na Bouza unha fonte que aínda que non é milagreira, non só apaga a sede, quita as penas, rega as hortas, lava as casas e farta ós animáis senón que ten o raro don de darlle velocidade á lingua para falar. Din que a xente da Bouza, aínda que non toda, apura a falar porque bebe auga da Fonte da Gilata.

Sexa certo ou non, aí está a xente e tamén a fonte. E unha auga batida e rebelde que se ven escachando por entre pedras de pizarra.

En Garfián hai unha fonte fonda; é unha puza. Cando un pasa polo camiño nas tardes do verán, e quenta o sol, e o silencio parece que quere envolver todo o que se mira de arredor, séntese cair dun xeito sinxelo, pero cunha tonalidade singular, a carroliña de auga que se escacha nunha pía.

Todas estas fontes e moitas mais foron ata hai poucos anos o ir e vir de baldos e caldeiros. O gando antes de ir para a corte collía o camiño da ponte. Era como a recompensa do día. As fontes eran lugar de encontro; de contos e parolas; de mensaxes e segredos. Eran eses lugares máxicos ós que un tiña que ir por obriga, pero con devoción. Porque ás fontes íase buscar parte do sustento, que non custaba nada. Só había que ir por el.

Club de Amigos de BEARIZ

¿ Has olvidado tu clave ?
Inscríbete Aquí en el club de amigos
Descubre la magia - Rutas de Beariz. NUEVO!!


© 2007.Beariz.org .Todos los derechos reservados
Condiciones Legales

Cofinanciado por: