Biblioteca - Artículos
O Liño
Publicado en "O Quince" no 1994 por Xesús Antonio Gulías Lamas.
 
Quero facer un pequeno repaso por un dos productos máis importantes da nosa terra ata poucos anos antes da guerra civil. Contribuiu a manteñer a economía e deixou alómenos dous topónimos na bisbarra: Liñares, perteñecente á parroquia de Baiste e ó concello de Avión e Os Liñares, lugar da Alta, concello de Beariz e parroquia de Lebozán. O nome destes dous lugares venlle precisamente porque eran zonas moi adecuadas para o cultivo do liño.

O liño, hoxe desaparecido como cultivo das nosas veigas, foi un dos grandes protagonistas dos traballos, das ruadas, dos xuntoiros das festas, daqueles afamados fiadeiros, da industria e o inxenio popular, tanto no proceso do producto como na fabricación de sábanas, colchas e sabelos.

Pero este liño, do que os nosos vellos aínda nos poden falar con bastante precisión, e os máis novas, só oímos contar do seu cultivo, ou algún, coma min, que aínda tiven a sorte de ver un tear funcionando, ou unha devadoira, dando voltas e voltas tolamente, sen moverse do sitio, desaparecen do noso pequeno mundo.

Só en Barcia, teño visto as frores azuis do liño bravo, que segue alí, despois de tantos anos de esquecemento, como mudo testemuño do que o seu irmán, o liño manso, supuxo durante tantos anos para esta terra.

O liño manso é unha planta que acada dereita de 30 centímetros a un metro. Ten follas lanceoladas con tres nervos. A flor é dunha cor azul moi intensa de tres centímetros de diámetro e cinco pétalos. Xermola ós catro días de sementada e florece entre os meses de maio e xuño, dependendo un pouco da bondade da terra e recóllese no mes de agosto.

Xa deixei o liño en Barcia,
e a semente no palleiro,
agora voume fartar
de che tocar o pandeiro

O cultivo do liño íase entrecalando entre o do millo e o das patacas,para que as terras foran descansando, dado o poder esquimaldor deste producto. A terra onde se sementaba o liño, despois da arrinca, quedaba ergueita e con picañoa. Cando se fala de que unha terra ten picañoa, estáse un a referir a que esa terra, está como desabrida; algo así como se estivera enferma, por falta de vitaminas.

As fibras das que está feita a casca son as que fan a "fiaza". Da semente facíase aceite de liñaza, e despois tamén fariña de linaza, que se empregaba para as cataplasmas, en procesos inflamatorios. Había quen arrancaba algún brevaxe, que servía como calmante, nalgún tipo de doenza, sobre todo de carácter urinario e dixestivo. Tamén se empregaba como laxante.

Pero o máis importante do liño, e a trascendencia que tivo, tanto etnográfica, como folclórica e económica, vennos dada no que é o proceso e a fabricación da tea. ¡A tea de liño!.

Para chegar a poñer un sabela, ou facer unha sábana para unha cama había que percorrer un longo camiño: duro traballo, pero ó mesmo tempo gratificante, pola gran dose de tradición e agarimo que foi acadando a través dos anos.

Unha vez madurado, a laboura empezaba coa "arrinca". Era un traballo delicado, porque había que ter moita conta de non romper as plantas. Logo viña o "arraigar". Consistía en sacudirlle a terra ás plantas arrincadas Unha vez feito isto, viña a "ripa" do liño. Había que debullalo ou sacarlle a semente. A ripaza facíase na eira, ou nun palleiro, sobre un banco; alongado de catro pés, e cun buraco no medio, no que se puña un peita de dentes de ferro, longos e apretados, de xeito que a planta deixara ó pasar toda semente. Esta laboura había que facela entre dúas persoas, sentadas, frente a frente, a cachapernas do banco, movendo os feixes (2) de liño, ó xeito de serra, sobre o peite. Hai cantas que nos relembran este traballo, como aquela que di:

"Fuxe liño, fuxe medo,
que xa veñen as ripadoras
de Beariz e do Candedo".

Despois de ripado, o liño púñase en feixes para levalo o río. A este traballo chámaselle "enriar". Enriabase nos puzos do liño. Concretamente no Candedo, levábase a Barcia, para enrialo no Puzo Curral, hoxe desaparecido, por causa do arroio que foi da mina do Bouzo, que fixo cambiar un pouco a canle don río antes de chegar á ponte.

Os veciños da Forxa enriaba na calzada da Ponte Garfián. Os de Beariz, á altura onde está na actualidade o lavadeiro da Ponte da Pedra. Os de Alvite en Retorta. Na parroquia de Xirazga quizais a máis importante, alomenos nos derradeiros tempos, en canto se refire ó liño, había moitos "puzos do liño". A xente íos facendo, onde vía un bo sitio e o máis perto da casa. Os da Bouza, enriabano a maior parte, un pouco máis abaixo do muíño do Rencho.

No Candedo recollín unha carta referida á enriada e á folga que viña nos días en que o liño se estaba a cocer no puzo:

"Xa deixei o liño en Barcia,
e a semente no palleiro,
agora voume fartar
de che tocar o pandeiro"

A semente do liño, que tamén se chama bagaña, púñase a asollar, para que abrira o coaño e soltara a liñaza. O coaño amoreabase para queimalo e a borralla botábase logo nun ulleiro onde se plantaban as cebolas.

O liño permañecía enriado cuarenta días, que é o tempo que precisa para cocerse. Logo enxugabase na eira. Unha vez ben enxoito, metíase na palleira O seguinte traballo era a maza do liño. Este tempo está recollido en cantigas; e cancións, como aquela tan soada que di:

"Este é o tempo do tróupele,
tróupele, este é o tempo de troupelear;
este é o tempo de mazar o liño,
este é o tempo do liño mazar"

O liño mazabase no mazadoiro, que é unha pedra case sempre de perpiaño, colocada de xeito horizontal, e ás veces nos mesmos patios das casas. Os mazicos eran arredondeados; de madeira de carballo, e tiñan arredor de dúas cuartas de longo. Era un traballo propiamente de mulleras. Iano mazando a eito e miudamente. As "mancheas", que eran precisamente o que se podía abarcar nunha man, facíanse, xuntandoas de dúas en dúas ata chegar a doce.. Dúas ducias de "mancheas" fan unha "maza", ou un "feixe de liño mazado"...

Como o liño despois de mázalo, queda un pouco escuro, lévase de novo ó río, pero só durante unha semana. Ven despois o traballo do remozado, no que se tenta que as frevas queden ben dereitas para "espadelalo":

Esta laboura facíase nun "espadeleiro", que é unha táboa horizontal e outra perpendicular co canto afíado ó xeito de macheta ou espada de aí o nome, de "espadela". Íanse espadelando os feixes de liño, e as frevas que saían máis ruíns arradabanse para facer os "tomentos", que logo se empregaban para facer as saias eaasacirolas . (3)

Viña de seguido un traballo medio complicado co millor do liño que iba quedando, que consistía en "asedar" o liño co "restelo". O restelo é unha táboa rectangular duns trinta centímetros de longo por uns quince de ancho, chea de cravos longos e afiados ó xeito de peite. Unha persoa puña o liño no banco e pasaba variasveces o restelo sobor del, e ó que quedaba entre os dentes, chámaselle "estopa", que se puña arredada e toda xunta. Deste traballo quedaban catro tipos diferentes do mesmo producto, pero de distinta calidade, que se fiaban e tecian para facer diversas teas que son: "o liño", "a estopa", "os tascos" e os "tomentos".

Finalmente viñan os dous traballos que requerían, por decilo de algún xeito, maior especialización e que eran: fiar e tecer. Para fiar facían falta "rocas" e "fusos", un traballo especialmente de mulleres, do que nos quedan infinidade de refráns e ditos populares, coma aquel que di: "sábado á NOITE;Marica, dame a roca".

No que se refire a tecer, había mulleres que tiñan de seu esta profesión e ata lles quedou, como unha especie de motexo a algunhas familias. Así temos "ós da tía María da Tecedeira". No Candedo tiña tear a tía Rosa do tío Demetrio. Na Forxa a tía Asunción da Guerra; en Magros a tía Emilia. En Xirazga había varios, entre eles a nai de Lucinio.

Estes e quizais outros moitos que non coñezo foron os derradoiros teares do municipio de Beariz de Montes. Asi morreu esta industria, que polos motivos que foran, non acadou poñerse á altura dos tempos que se lle botaron enriba. Pero durante moitos anos cumpliu o seu cometido e formou parte esencial do noso folclore e das nosas tradicións.

Vai pois, para toda esta xente de ben, o meu recoñecemento.

Club de Amigos de BEARIZ

¿ Has olvidado tu clave ?
Inscríbete Aquí en el club de amigos


© 2007.Beariz.org .Todos los derechos reservados
Condiciones Legales

Cofinanciado por: